O Festival Arteficial cumple 20 anos nun momento clave. O que naceu en 2006 como unha rebelión cultural en Ribadavia é hoxe un verdadeiro referente cultural que, anualmente, enche a vila de grilandas, música, bicos e vida. Seguindo unha evolución natural, Arteficial tamén é unha asociación sen ánimo de lucro formada por xentiña que vive no Ribeiro, cada un do seu pai e da súa nai, pero con inquedanzas parecidas. O noso obxectivo é poñer en valor o noso territorio, por medio da práctica da cultura democrática, inclusiva e sostible.
Que é que fai único o noso Festival?
- A súa afortunada situación xeográfica no corazón do Ribeiro, terra de viño, historia e auga.
- O seu formato interdisciplinar, non limitado ao festival. Durante todo o ano impulsamos actividades satélite e interxeneracionais.
- A oferta musical, apoiando sempre bandas emerxentes e da contorna, sen deixar de lado ás internacionais.
- Orgullosamente, nós, a equipa de produción da que formamos parte voluntariamente mozas e mozos do Ribeiro.
Main features and goals of the crowdfunding campaign
Apostamos por unha programación multidisciplinar e alternativa que achega a arte en diferentes formatos para habitar e revalorizar o territorio rural e a vila medieval de Ribadavia (BIC desde 1947), desde unha perspectiva contemporánea que dialoga coa tradición.
-
O festival destaca polo seu compromiso coa cultura musical galega, aínda que sen pechar a súa programación a outras ofertas do panorama estatal e internacional, ofrecendo variedade, música emerxente e propostas que saen do circuíto habitual.
-
Sempre se ten presente tanto no escenario coma no público, os principios de igualdade, sostibilidade e solidariedade. Destacan as políticas de equidade, protocolos e formación en actuacións fronte a casos de violencia machista e en defensa do colectivo LGTBI+ (https://arteficial.org/arteficial-libre-de-violencia-machista), o Pacto de Cultura Sustentable do que formamos parte desde 2022 (https://arteficial.org/wp-content/uploads/2024/02/dosier-memoria-Sostenibilidad-Arteficial.pdf), a implementación dunha entrada solidaria en colaboración coa Cruz Vermella, e numerosas opcións para que a cativada e persoas de tódalas idades tamén teñan cabida neste espazo compartido.
A modo de romaría diurna conta, en cada edición, cun elevado número de grupos que actúan ao longo do día (13:00h. - 22:00h.) no barrio da Madalena coa ampliación nocturna ao barrio da Oliveira, onde desenvolvemos as actividades de fin de festa.
As actuacións artéllanse en tres escenarios paralelos:
- Un ao aire libre, ideal para a convivencia interxeracional e a creación dun ambiente festivo, para socializar e onde dar a coñecer novas propostas musicais e culturais entre veciñas e visitantes;
- Outro interior, na igrexa da Madalena, máis recollido e íntimo onde se presentan as creacións acústicas e que permiten gozar das interpretacións máis xenuínas e intimistas.
- Outro escenario ao aire libre no centro da vila de Ribadavia, onde teñen lugar as últimas actuacións, máis festeiras e ousadas, que pechan o evento.
Podemos dicir con orgullo que ao longo de todos estes anos pasaron polo noso festival bandas de todo tipo, algunhas delas hoxe en día de gran renombre. A ver cantas coñecedes! De Galiza e Portugal: Carabela, Bala, Fillas De Casandra, First Breath After Coma, Whales, Noiserv, Laura Lamontagne e Pico Amperio, Surma, Malandrómeda; en canto ao panorama estatal e internacional como Los Coronas, Def Con Dos, Havalina (España), Austin Tv (México), Gondhawa (Francia), Blaak Heat (EE.UU) ou Mbye Ebrima (Gambia). Outra cousa non sei, pero gusto temos para repartir.
Ademais dos escenarios, contamos con:
Espazos de encontro:
- Zona gastro: como boa romaría que é, non pode faltar o papeo!
- Mercado das sementes: onde antonte as nosas avoas vendían os seus produtos, hoxe sitúanse postos de roupa de segunda man e artesanía.
- Barra: autoxestionada, para beber unhas augas ou uns cubatiñas a gusto de cada quen.
Espazos de compromiso social:
- Punto violeta e arcoiris: en contra as violencias machistas e como punto de información.
- Patrulla verde: equipa encargada de controlar o seguimento das pautas establecidas no Pacto de sustentabilidade. Procúrase que o festival teña o mínimo impacto negativo no medio ambiente promovendo accións de reciclaxe, consumo de proximidade e eliminación de barreiras de acceso. Para levalo a cabo, guiámonos polas indicacións tanto do Pacto, como pola axenda 2030 da ONU.
- Entrada solidaria: como o festival é de entrada gratuíta e, seguindo o noso pensamento de creación de comunidade e fortalecemento da mesma, iniciamos unha colaboración coa Cruz Vermella do Ribeiro que consiste na recollida de alimentos como entrada simbólica e voluntaria ao recinto do festival.
Why this is important
Ideamos este mecenado porque cremos que a cultura ten que chegar a todas as esferas da sociedade. Polo tanto, arteficial vai dirixido a:
- Nun plano local: ás nosas veciñas da Ribadavia e do Ribeiro. Que apostan por unha vila dinámica, cunha oferta cultural de calidade e atractiva para fomentar a vida no rural.
- De xeito máis extensivo: a todas aquelas persoas de Galicia e proximidades que defenden a fuxida dos circuítos comerciais e valoran os festivais de pequeno formato con identidade propia.
- De maneira global: a todas aquelas as persoas comprometidas coa supervivencia dos proxectos autoxestionados, que queren compartir a nosa iniciativa, e que entenden que o rural é o lugar ideal para a vangarda.
O noso desexo é que o apoio ao rural non quede nun marco teórico e se teña en conta a diversidade de proxectos que fixan poboación e crean identidade.
Team and experience
Levamos 19 edicións ás costas demostrando resiliencia e profesionalidade. O noso equipo está formado por voluntarias e voluntarios do Ribeiro con formación en áreas como comunicación, deseño, educación social e industria musical. Non somos novatos; somos unha maquinaria engraxada polo agarimo e o compromiso co noso pobo. Formamos parte da equipa directiva: Ainhoa Viñuela (presidenta); Blanca Selas (vicepresidenta); Pedro Conde (tesoureiro); Malena Correa (secretaria). Por outra banda, en cando a equipas de traballo: Manuel Araujo, Ainhoa Viñuela, Pedro Conde (contratación e programación); Celia Millón, Andrea Rodríguez Villaverde, Malena Correa, Guillermo Conde, Sara García Bautista (comisión mecenazgo); Sara Ghemame, Celia Millón, Guillermo Conde, Andrea Rodríguez Villaverde, Alba Casas (comunicación e deseño); Adrián Riveiro, Alberto Chousal, Adrián Pepín, Claudio Vázquez, Enrique Rodríguez, Gavino Dedola, Uxía Estévez Álvarez (xestión e loxística).
Ademais, durante o día propio de festival contamos con profesionais contratados de produción para son e iluminación, montaxe de escenario, persoas de carga, seguridade, foto e vídeo, barras… Aos que, xa que estamos, agradecemos infinitamente o seu traballo.