Características:
Facemos un evento que reivindica un rural vivo e diverso, propoñendo unha celebración do orgullo LGTBIQA+ con perspectiva de xénero e que plantexe un modelo de celebración do orgullo alternativo ao modelo hexemónico (fronte ao modelo imperante urbanita, asociado en moitas ocasións á vida en comunidades pouco permeables, e en moitas outras ao consumismo, os corpos normativos e ao ruído).
O Agrocuir da Ulloa pon en práctica o diálogo e a escoita como ferramentas para a construcción de sociedades sanas e de novas propostas de vida que compatibilicen a necesidade de gañarnos a vida coa defensa da terra e da dignidade humana. As motivacións para realizar este festival son diversas: a propia vivencialidade experimentada aquí por todes nós e a necesidade de expresar, visibilizar e compartir as nosas realidades; o agradecemento á terra que tanto nos brinda; a vontade de axitar e dinamizar a Comarca; a urxencia de organizarse co obxectivo de dignificar e recuperar a vida nas aldeas a través do respecto ás tradicións e á diversidade; o impulso de lazos colaborativos e cooperativos que fomenten a transformación social, etc.
Todo esto ponse de manifesto a través de diferentes actividades que dan lugar a un festival multidisciplinar no que a través do teatro, a música, os obradoiros, o baile, o deporte, o cine, a performance, etc. o público comparte dous días de convivencia, aprendizaxe e ocio sostible, demostrando o potencial do rural para establecer novas formas de vida e modelos de sociedade.
Todas as nosas actividades se enmarcan na vila de Monterroso, buscando recuperar espazos naturais e comunitarios aos que dar unha nova vida dende o coidado e a sostibilidade. É unha celebración que bebe das romarías tradicionais, xerando espazos diurnos e nocturnos e dando cabida a un encontro interxeneracional. Apostamos por propostas culturais que dignifican a tradición abrazando un presente diverso.
Obxectivos:
- A visibilización dos colectivos transexual, bisexual, intersexual, asexual e cuir, históricamente invisibilizados, forma parte da nosa labor central.
- Abordar retos da actual sociedade como a defensa do bosque autóctono, a construcción dunha comunidade participativa e inclusiva, a equidade de xénero, a interxeneracionalidade, o despoboamento do rural, a recuperación da memoria ou a posta en valor do patromonio material e inmaterial da comarca.
- Vivir dous días nos que poidamos compartir, divertirnos e bailar, bailar e bailar.
- Xerar espazos no rural para visibilizar a diversidade sexual, afectiva e de xénero.
- Crear un encontro sostible e ecolóxico.
- Poñer en valor a riqueza material e inmaterial da Comarca da Ulloa.
- Aportar espazos de convivencia e celebración para todas as xeracións.
- Promover un espazo familiar non masificado e que busque xerar comunidade.
- Tecer lazos de cooperación entre persoas e asociacións.
Main features and goals of the crowdfunding campaign
O Festival Agrocuir da Ulloa é un evento pola diversidade sexual, afectiva e de xénero que se celebra no rural. É de carácter interxeneracional e reivindica valores coma o feminismo, a soberanía alimentaria e o respecto á diversidade. Terá lugar o venres 22 e sábado 23 de agosto de 2025. Son dous días de teatro, contacontos, concertos, obradoiros, palestras... nos que converxemos persoas de todo o mundo nun ambiente de bo rollo e diversión.
Nesta edición seguimos apostando por realizar tódalas actividades en diferentes lugares da vila de Monterroso, para xerar un espazo aberto e accesible a todo o mundo. Por elo, nesta edición tampouco cobraremos entrada, e por eso necesitamos a vosa colaboración para seguir facendo este soño posible.
Este ano, igual que o pasado, seguiremos sen recompensas físicas para levar a casa. É o décimo aniversario do festival e é un momento moi emotivo para todes nós, que deixará momentos que durarán toda a vida (non como esa totebag que remataría no fondo dun caixón). Para celebrar este aniversario pedímosvos unha vez máis a vosa colaboración económica, vocal e corpórea. Sabemos que é moito pedir e por iso facémolo cun soriso alegre e descarado.
Por outro lado, pensamos que o que é realmente valioso do Agrocuir non son as camis, os vasos, as pulseiras ou bandeiras. O que vale e que si que podedes levarvos serán as lembranzas, amigues, cancións, puntos de baile e, ao mellor, algún grupo musical novo que vaiades coñecer. Con todo esto, despois de vir ao Agrocuir, cando che sone o despertador ás sete da mañá ou leas o enésimo correo no que non te dan os bos días, poderás poñerte nos auriculares algunha canción que escoitaches no festi, pechar os ollos e lembrar tódalas cousas que viviches no Festival Agrocuir.
Esto si vale para toda a vida.
Why this is important
O Festival Agrocuir da Ulloa xurdiu da necesidade de xerar un espacio na comunidade que habitamos de celebración e reivindicación da loita LGTBIQA+, tradicionalmente asociada ao ámbito urbán, e á vez visibilizar a nosa forma de vivir, dende o respecto á cultura e o medioambiente.
Vai dirixido a tódalas persoas que queiran compartir a nosa proposta, independentemente de quen sexas, como sexas e de onde sexas.
Team and experience
O Colectivo Agrocuir da Ulloa comezou cun pequeno grupo de amigues, de diversas procedencias, idades, sexualidades e sen experiencia profesional na xestión de festivais. Durante estes anos, o colectivo medrou grazas a persoas que mudaron a cidade polo rural, para habitalo e apostar por un modo de vida máis consciente e vencellado ao territorio. Temos en común o desexo de habitar nun rural vivo, diverso e sostible, e para contribuír á nosa causa organizamos cada ano este festival sen ánimo de lucro, aprendendo e medrando xuntes en cada edición.