¡Imos polas XXI Festas do Barrio de San Pedro! 💓🏠
Anotade nas axendas ✍️ do 25 de xuño ao 30 de xuño: seis días de música, teatro, circo, danza, cabezudes, obradoiros, alboradas e actividades feitas pola veciñanza.
Seguimos apostando por actividades que cheguen ao maior número de veciñes, de acceso libre e para todos os gustos 😊 Por iso, un ano máis, necesitamos a vosa colaboración para continuar celebrando as Nosas Festas.
Xornadas de reivindicar bailando a importancia de transformar o espazo para priorizar a vida comunitaria.
Main features and goals of the crowdfunding campaign
Características:
Facemos as Festas para celebrar que vivimos nun barrio vivo e diverso, cunha programación pensada por e para a veciñanza.
Todas as nosas actividades teñen lugar nas rúas, prazas e parques do Barrio de San Pedro; buscando propostas para todos os públicos e gustos. Un dos piares principais que nos une é a crenza no traballo comunitario, onde a veciñanza non sexa unicamente destinataria de proxectos e actividades, senón que dende o punto de partida (dende a análise da situación e necesidades de todo tipo) sexamos protagonistas, cunha voz resultante da suma colectiva.
Obxectivos:
– Desenvolver unha programación comprometida e diversa que implique a un maior e variado número de xente do barrio, de todas as idades, procedencias xeográficas, culturais, etc.
– Realizar actividades que tendan a valorar cuestións propias do barrio e das súas xentes.
– Organizar actos culturais, lúdicos e educativos no contexto das datas escollidas para as festas.
– Favorecer o intercambio de experiencias e información entre o tecido asociativo do barrio.
– Establecer colaboracións co máximo número de entidades e colectivos sociais do barrio.
– Vivir seis días nos que poidamos compartir, celebrar e bailar.
– Promover tempos e espazos para o encontro, sen masificacións e vivindo en comunidade.
Why this is important
As Festas do Barrio de San Pedro nacen para propiciar máis espazos de encontro e celebración entre a veciñanza. Para facer do noso barrio un lugar máis habitable e de coidados. Pensado para todas as persoas que habitan e comparten o amor polo noso barrio, actualmente vítima da turistificación que sofre a nosa cidade. Ante a subida dos alugueres, os intentos de individualizarnos e meternos na casa: nós saímos, xuntámonos e cantamos xuntas que o barrio é noso, e querémolo encher de valor, música, diversidade e todo o que nos fai nós.
Team and experience
A Asociación Cultural Barrio de San Pedro leva vinte anos organizando as Festas e outras moitas actividades culturais. Formada por un equipo de aproximadamente 15 persoas, contamos con máis de 100 voluntarias que colaboran todos os anos na organización das festas e demais propostas enmarcadas no barrio. Todas as participantes adicamos o noso tempo de maneira altruista para traer diversidade e cultura ao barrio. Aprendemos facendo: todas volcamos as nosas experiencias e sentires no proxecto, e cada unha aporta o seu gran de area para que saia adiante.
Ademais de organizar as festas, realizamos actividades de dinamización cultural, reivindicativas e de lecer.
Ao longo destes anos podemos destacar:
- As Feiras da Primavera
- A celebración dos Maios
- O Festival San Pedro sen Paredes
- Barrios con Luz Propia.
Tamén cooperamos e dinamizamos xunto con outros colectivos e realizamos diversas actividades en colaboración coa Asociación Veciñal A Xuntanza, coma o Día do Barrio, as Cacharelas de San Xoán ou o Mercado do Caracol. Apoiamos a iniciativa San Pedro Emocional, colaboramos coa Casa do Matadoiro e formamos parte do proxecto "Utópicas, arte e territorio", entre outras iniciativas.